31/1/09

nada mellor que facer nada

Levo todo o día na casa sen facer nada. Atrincherado na molicie. Facía moito tempo que non tiña a oportunidade de darme de baixa temporal do mundo. Como fillo de mestra rural alá en Prada, Xove, fun educado na idea de que estar sen facer nada será castigado nalgures por alguen, nesta vida ou noutra. As vacacións son un cambio de actividade, dicia miña nai ó chegar o verán. Ainda é hoxe que cando paso un destes días de estar a velas vir ou a rañala no mellor dos casos, o fago ás agachadas, con premeditación e alevosía e coa agravante de disfraz, coma un delincuente dos de antes de que lles pagaran por sair na televisión.

30/1/09

agardando polo temporal

É venres pola noite. Aquí estou coa miña filla Mariña agardando o temporal e vendo Ben10. Decátome do tempo que fai que so vexo películas que chaman de nenos e debuxos animados. E o mellor de todo é que estrano pouco o cine que chaman de maiores e nada os programas de televisión. Estarei enfermo? Haberá mais enfermos así? Será unha epidemia?

disque 30/1/09

acabar con isto dunha vez Disque o alcalde de Lugo chamou en ultramar pola insubmisión electoral e pideulle os emigrantes que voten con razón ou sen ela. Disque o amor do PP polos galegos de acolá depende de se teñen ou non pasaporte: se teñen papan e se non , pasan fame. Cando as eleccións Bush-Gore, todos contemplamos asombrados á primeira potencia mundial votar e amañar resultados coma nun pais bananeiro. O noso caso é peor. Non é un fallo do sistema, é o sistema e aporta máis votos que Ourense. A alguén lle queda dúbida de que esto so se acaba eliminando o voto emigrante e o único dereito perdido será o de Populares e Socialistas a rapiñalo? PUBLICADO EN GALICIA HOXE. 30/1/09

disque 29/1/09

educación para o Galego Disque o Supremo decidiu que non é malo educar para a cidadanía e que non se ameaza dereitos dos pais. Rematou a batalla xudicial dos que perderon o debate político e rematou mal para eles, como soe pasar cando non se entende que a democracia é un consenso de maiorías. O tribunal é claro: o sistema público de ensino é unha institución rexida pola lei e as decisión lexítimas dos seus responsables, non un bufet á carta para cada pai. Aquí quen perderon o debate político do galego van á guerra xudicial. Que vaian. xa sabemos onde acaba e cómo. A forza da lei está co galego. Co biliguismo harmónico so está a intolerancia. PUBLICADO EN GALICIA HOXE. 29/1/09