7/2/09

qué carreira !!

Seguindo as explicacións que dan o PP e o propio Luís Carrera sobre o seu despiste fiscal, a un lle queda a dúbida de si creen que son moi listos, ou pensan que os demais somos tontos, ou as dúas cousas á vez. Sostén Carrera que “se lle pasou”. E a verdade, a calquera se lle pasarían 40 millóns ingresados nun paraíso fiscal. Éche un erro moi común no contribuínte galego medio. Non parece razoable esixirlle a ninguén que se acorde duns millóns que están tan lonxe e nas Illas Caimán, o típico sitio do que todo o mundo fala pero ninguén sabe onde está, e que ademais seguro que está moi mal comunicado. Sostén Rueda que esto lle pode pasar a calquera partido e que cortarlle a cabeza, antes incluso de que a Ser dera a noticia, é un exemplo da rexeneración democrática que propoñen os populares e que debe ser nomealos primeiro, preguntar despois e cesalos se non queda máis remedio porque os pillaron nas patacas. Coñecín a Luís Carrera fai dez anos nunha entrega dos premios Fernández Latorre na que compartimos mesa. Pareceume un tipo listo, bo conversador e cun apreciable sentido do humor. Cualidades que me inducen a pensar dúas cousas: un erro así resulta incomprensible nel e algunha peza nos falta para completar de todo o puzzle dunha comedia onde todo pasou demasiado rápido como para darse de conta do que pasaba realmente á esa mesma velocidade desconcertante que moven os trileiros os cubiletes no timo da boliña.

6/2/09

disque 6/2/09

Mercaderes de Venecia
Disque o banco de Botín gañou miles de millóns a patadas. Di Botín que a el, plin, que a banca estaría encantada de prestar porque é o seu negocio, e que de catenaccio crediticio nada. Disque son imaxinacións nosas e que estamos confundidos cando dicimos que non fían nin á familia. Acumúlanse as probas de que a banca viu negocio na crise e de que as axudas públicas, que se lle abriron para que cubriran os riscos crecentes dos seus clientes, estanas empeñando para cubrir as súas costas. Prestar é o seu negocio, pero como o facía Shylock, o usureiro veneciano, e se coma Antonio se está disposto a pagar cunha libra da carne propia.

5/2/09

disque 5/2/09

Recapacita, Alberto! Disque O Noso Alberto anda argallando para zafar do debate. Argumenta que van abusar del por ser dous contra un, e que é mellor a súa proposta de debates Champions League: todos contra todos por parellas. Ningún coa. O segundo, porque non pode pretender impor as súas condicións. En democracia, aos debates vaise e punto. O primeiro, porque os debates non se fan a conveniencia dos candidatos, senón por ser un dereito dos votantes que ningún aspirante á Presidencia debera nin pensar furtarnos. Tampouco O noso PT e Quintana terían que conformarse cun único debate. Canto máis os vexamos cara a cara aos tres, mellor para todos.

4/2/09

Traballando co Boss
víase vir. O Boss saca un disco e cáenlle paus por todos os lados. O rapaz ten bo lombo e aguantará. A acusación de plaxio aos Kiss da tanta risa como a maquillaxe que usaba a banda. Pero non deixa de ser rechamante que as peores críticas lle veñan de medios e comentaristas de marcada tendencia conservadora. E é que a política non lle da máis que desgustos. Cando Ronald Reagan quixo apropiarse da súa lírica e citouno sen permiso nun discurso, contestoulle dedicándolle una das súas pezas máis amargas: Jhonny 99, a historia dunha das vítimas dos reaganomics. Non lle valeu de nada. Medio mundo colocouno no lado escuro de Norteamérica.
Nas elección do 2004, embarcouse nunha xira á favor do candidato demócrata, Kerry. Vote for change percorreu o pais e perdeu. E cada día, fans republicanos ían queimar discos á porta da súa casa.
Implicouse coma un militante na campaña de Obama. E agora recolle os froitos: hai tantas ganas de zouparlle ao novo presidente que porque non empezar por ese roqueiro que lle axudou a derrotarlles e representa eses valores que pensaban vapuleados polas forzas do mercado? Logo de viaxar de costa a costa fai ano, o Boss conta que a mellor definición dos USA atopouna nun cartel á entrada da tenda nun vello síux na reserva: Esta é a terra da liberdade, da xustiza e da falla de piedade”. Eu non sei de música e canto fatal, pero son de Sprinsteen. Todos os seus discos van comigo. E algunha das noites máis potentes que lembro: o concerto de Madrid, o de Barcelona cando a xira de Amnistía internacional. Dende que o teño, non paro de escoitar Working on a dream e gústame. Conten grandes momentos sonoros que me devolven a The River. E xa saben, un soño é una mentira se non se fai verdade ou é algo peor que me leva río abaixo?

disque 4/2/09

Luxo e lixo
Disque O Noso Alberto segue de cruzada contra o luxo bipartito e denuncia a millonaria paixón de Méndez Romeu polo interiorismo institucional. Como mostra de austeridade, anuncia que viaxará en Citroën. Foi escoller o día e a marca. Se espera gañar así as eleccións, debe pensar que non temos memoria. A xente sabe que o bipartito pode ser torpe, pero non despilfarrador. Disque O Noso PT resposta indignándose e acusándoo de verquer "camións de lixo". Tampouco é iso. Indígnese canto queira, pero dea as explicacións debidas e se menten, demóstreo. Disque Quintana recorda que a transparencia está no ADN do Goberno. Que se vexa.

3/2/09

disque 3/2/09

a estratexia do dentista Disque A Nosa Espe, a ambición loira, anunciou que o Parlamento de Madrid vai crear unha comisión para investigar a superprodución de espías estilo Torrente que semella se ten argallado no marco incomparable da Comunidade Autónoma. E é que hoxe en día, no Foro, se non te espían aínda que sexa pouco, es un ninguén. Disque O Noso Mariano lle mandou anunciar á Cospedal que o PP suspendía a investigación interna que, de tan discreta, parecía clandestina. Na grande e unida familia popular, imponse a táctica do chiste do dentista: agarrarse polas partes sensibles e dicirse cun sorriso que ninguén lle vai facer dano a ninguén. Publicado en GALICIA HOXE 3/2/09

hai debate

Paseino ben no Hai Debate de onte. Coma sempre. A diferencia de outros programas aos que acudo en Madrid, neste o obxectivo non é a confrontación frontal, ao estilo Mihura. Non te espera alguén coa escopeta cargada. Vamos máis ao noso: á tertulia e á conversa apacible dende a diferencia, mais ao estilo da nosa marela e a nosa pinta. No "backstage", tiven ocasión de escoitar falar de preto a fichaxe estrela do Partido Popular de Galicia, Pedro Arias. Como bo excomunista, falou principalmente con dous excompañeiros: Geluco e Manolo Lago e amosouse convencido do triunfo Popular, mesmo incitou unha aposta que non tivo moito éxito. Por un momento foi coma viaxar no tempo: recordoume tanto ao meu alter ego favorito en 59 segundos, Nacho Villa, a mesma incontinencia, a mesma intemperancia, o mesmo exceso. So faltaba Mamen Mendizabal, compañeira de fatigas tantos anos con Iñaki e hoxe a principal razón para ver os informativos da Sexta. Por certo, a mesa de actualidade tivo unha audencia do 19%. para que logo digan que á xente non lle interesa á política

2/2/09

disque 2/2/09

Un episodio de 'Dallas' Disque en Sogama, máis que reciclar residuos, o que deberían é de empezar por ventilar a propia empresa e sacar o lixo fóra. Máis que unha empresa pública, parece un episodio de Dallas: acusacións de contratos opacos, análises alteradas, despidos daquela maneira e loita sen piedade polo poder. Catro anos despois de tomar posesión do cargo, o conselleiro do ramo anuncia que vai tirar da manta. E ao primeiro que lle quedan destapados os pés é a el mesmo. Cando un se pon a facer limpeza ao remate da lexislatura, demostra, no mellor dos casos, que o tiñan enganado, e no peor, que o sabía pero non foi quen de amañalo antes de que estoupara. Publicado en GALICIA HOXE 2/2/09

a qué cheiran os bancos?

Hoxe na Ser, no programa de Francino, Fernando Fernández volveu explicarme o da solvencia, os bancos e a onde van tantos miles de millóns. E coma sempre non o entendín. Debe de ser un defecto meu, do animal, porque ao resto do mundo todo lle semella normal, especialmente a iso que se chamaba antes as “elites ilustradas”. Di Fernando que é un problema de solvencia, non de liquidez. Pero solvencia deben de ter á vista dos beneficios que declaran. Entendo que o negocio dos bancos é gañar cartos prestando cartos. Pero tamén crin entender que non se lles axudaba con cartos públicos para que fixeran con máis comodidade e menos risco o seu negocio, senón para que nos axudaran a facer os nosos pequenos negocios de comprar una casa ou montar una empresa. Entendo que Zapatero lles xunte para dicirlles que corran os créditos. Pero tamén entendía que cando decidiu axudarlles cos nosos cartos, sabía que estaba en tratos coa banca, non una ONG. E as cousas non se lle piden á banca, se lle contratan.