14/2/09

59 segundos

No Backstage do 59 segundos desta semana tiven ocasión de cruzar unhas verbas con Carod Rovira, a quen non coñecía, e volver saudar a Joseba Azcárraga, o conselleiro de xustiza vasco, con quen teño coincidido en varios programas e sempre lle escoitei dicir cousas interesantes e dicilas con elegancia. É o que pasa en Madrid. Os que temos certa querencia nacionalista acabamos arrexuntándonos para que non nos pase nada e se pasa algo, poder botarnos unha man. O tema do día era a famosa cacería de Garzón e Bermejo e a foto de Rajoy con toda a dirección popular en plan Fuenteovejuna, todos a una contra o Comendador Garzón. Unha de cousas que cando falas delas alí teñen sentido e parecen moi importantes, e cando volves á casa te percatas de que so teñen sentido e son importantes en Madrid. As eleccións galegas espertan pouco interese porque, segundo me contaron, ate en Xénova, a sede popular, as dan por perdidas e confían pouco nas posibilidades de O Noso Alberto. Camiño do plató cruceime con Fraga. Coma sempre nos saudamos educadamente. Hai que recoñecer que so unha forza da natureza coma el pode seguir aínda en pe. Pero como dixo unha vez Dionisio Ridruejo de Fernández de la Mora: tanta intelixencia ó servicio de nada

13/2/09

disque 13/2/09

Facturas pendentes
Disque a sucesión de escándalos que sacode o PP non lle abanea tan forte nas enquisas. Nin os despistes fiscais de Carrera nin as tramas de corruptela do Foro semellan ten mancado a capacidade mobilizadora popular, que respecta o patrón tradicional de ir in crecendo conforme se achega a votación. Aínda que tamén pode ser cedo para que os sensores demoscópicos reflictan os danos colaterais. Poucas cousas son tan verdade coma que en política, por moito que corras, os teu erros sempre te alcanzan. E, tarde ou cedo, o erro do Noso Mariano de non ter feito limpeza e de defenderse botándolle a culpa a todo mundo menos a el mesmo, acabaralle custando caro.
PUBLICADO EN GALICIA HOXE 13/2/09

12/2/09

disque 12/2/09

Negación ou cambio Disque os estrategas electorais do bipartito andan preocupados co asunto da abstención. A afirmación de Quintana de que o PP vai en coalición coa abstención é algo máis que un titular, e reflicte dous feitos. Primeiro, que O Noso Alberto xoga conscientemente a que moita xente non vaia votar, algo que está moi feo nun demócrata. Segundo, que unha porcentaxe dos votantes bipartitos de hai catro anos axita o seu descontento repetindo unha e outra vez que non houbo cambio. Gustará máis ou gustará menos, pero cambio houbo. E tamén hai razóns para queixarse do que non houbo, pero, a día de hoxe, absterse é votar o PP. E entón si que vai haber cambio.

11/2/09

disque 11/2/09

Déixate de lerias, Alberto Disque O Noso Alberto segue dando voltas co asunto dos debates. Disque ameaza con non ir se non se acepta a súa proposta de debates formato Liguiña de Campións. Como broma de precampaña xa estivo ben. Agora empeza a campaña e hai que pórse serios. Se Quintana sempre foi, incluso cando o seu socio se equivocaba e non acudía, e se O Noso PT foi nas xerais, cando non tiña por que, a O Noso Alberto non lle queda outra que ir ou quedar como un candidato que só xoga cando ten el o balón e as normas son as que a el lle conveñen. Ademais, non se entende tanta resistencia. Un dos seus argumentos máis queridos son as leas do bipartito. Que mellor ocasión para demostrar que non se entenden que telos aos dous diante.

10/2/09

disque 10/2/09

Pouco mérito Disque O Noso Alberto sostén que o de Carrera pódelle pasar a calquera. Disque O Noso Mariano glosa o episodio como un exemplo da virtuosidade dun partido. Está ben que traten de minimizar os danos de desfeita tan maior. Pero pedirnos que aceptemos polbo como animal de compaña é pasarse. Probablemente lle poida pasar a calquera, pero pasoulle a el e, ultimamente, ao PP pásalle demasiado. Algunha explicación deberían de darnos sobre como elixen á xente coa que os nosos cartos estarán en boas mans. Servir a cabeza de Carrera na bandexa da rexeneración democrática é facer virtude da necesidade, pero non puntúa no concurso de méritos.

9/2/09

disque 9/2/09

Que fale a maioría
Disque quen queren andar a paos pola lingua xa teñen o gusto. Todos seguiron o guión. Galicia Bilingüe montou outra charada na súa cruzada contra o Galego. Os incivís de sempre aportaron a intolerancia que tapará o fracaso de xuntar catro mil persoas. A policía puxo as cargas que dan titulares á prensa carca e Rosa Díez fixo de Agustina de Aragón, coa dirección Popular de figurantes. Os máis que vivimos nun pais que empeza a coidar a súa lingua quédanos agora amañar esta desgracia. É a lóxica da acción colectiva de Mancur Olson: grupos pequenos e ben organizados explotan sistematicamente á maioría silenciosa e desorganizada.

PUBLICADO EN GALICIA HOXE, 9/2/09

A COMEDIA DO VOTO EMIGRANTE antonlosada.blogspot.com Entre a superproducción de espías que acompaña á feijóo9, a confusión entre triste e institucional da campaña de Touriño e o momento transgresor de ser Anxo Quintana, da precampaña sobresae a comedia que os tres interpretan co singular caso da fotocopia do carné e o voto emigrante. So o enunciado avergoña. Onde se votará axuntando unha fotocopia? En Gran Hermano, en Fama, a Bailar?. É tronchante ver ao candidato Popular pasear a súa indignación por medio mundo. Tras décadas de batallar o voto exterior alegremente, a dereita descubre que os pobres emigrantes son algo máis que mercadoría electoral. A este paso acabarán formando “manipuladores do voto anónimos” e facendo terapias de grupo para contar como corrían as sacas de papeletas por Barajas. É aínda máis tronchante ver aos socialistas converter a cuestión nun problema de dereitos. Os mesmos que xuraron mil veces instaurar o voto en furna ou mesmo crear unha rede mundial de voto electrónico –ou algo así porque á Vicepresidente se lle entende mal cando fala-, defenden con furor ó voto ao vello estilo: que corran as papeletas entre un censo de vivos e mortos. E con Touriño no cínico papel de santo varón indignado e alleo as manobras ultramarinas dos seus. É resulta desconcertante ver a Quintana repetir a vella e inútil postura do BNG: acompañar na indignación a quen se indigna porque non pode manipulalo. Esta mala comedia seguirá sen fin ate que alguén se deixe de gaitadas, denuncie esa idea preconstitucional de que ó sangue fundamenta o dereito ao sufraxio e suprima un voto que so se quere para manipulalo.
PUBLICADO EN A NOSA TERRA 5/2/09