14/3/09

disque 13/3/09

Esperando á transversal Disque o PP lles pediu aos socialistas vascos un acordo por escrito, antes de entregarlles o seu prezado voto. Disque os socialistas non saben ben como conxugar semellante pacto co compromiso adquirido en campaña por Patxi López de non gobernar cos populares. A opción da coalición constitucionalista, a favorita dos bempensantes de Madrid, avanza coa penosa dificultade que lle confire o feito de que só os una o obxectivo de desprazar o nacionalismo de Ajuria Enea. Mentres, a opción preferida pola maioría dos vascos, a coalición transversal PNV-PSE, dorme o sono dos xustos, á espera de que o tempo lle acabe dando a razón

12/3/09

disque 12/3/09

expediente X Disque a Nosa Esperanza pechou en seco a comisión sobre as supostas espionaxes sen deixar que comparecesen os protagonistas. Disque O Noso Mariano non sabe se aplaudir ou reabrir a comisión interna inventada no seu día para forzar á ambición loira a investigar. Disque a oposición fala de escándalo e mesmo que os socialistas van boicotear actos da presidenta. Disque os medios de Madrid andan a portadas bomba uns contra os outros, publicando todo canto as autoridades negan oficialmente. E digo eu, do dereito dos cidadáns a que todos se expliquen quen se ocupa? Ou só nos queda ser audiencia dun pésimo remake dun serial sobre conspiracións?

11/3/09

disque 11/3/09

A todo, que si
Disque O Noso Alberto deixou encantados os sindicatos prometéndolles que se querían Consellería de Traballo, aló veñen dúas cuncas, que hai moita subvención para repartir e a lexislatura é máis curta do que parece, e se non que lles pregunten aos bipartitos. Disque deixou afoutados os empresarios anunciándolles que o atraso do urbanismo deixará de ser unha traba que free ese Big Bang de cemento e ladrillo que nos vai sacar da crise. Agradecida, a patronal sumouse á gratuíta polémica sobre o traspaso de poderes que os populares avivan a diario; algún día saberemos por que. Que rápido se aprende que o primeiro é non dicir nunca que non!

10/3/09

disque 10/2/09

Romeu contraataca Disque hai unha semana, o bipartito perdeu por non ter cambiado dabondo. Disque agora xa sabemos a verdade, desvelada por ese visionario que é Méndez Romeu: perderon porque houbo cambio de máis e porque foi imposto polos nacionalistas aos bos e xenerosos socialistas. O autor da famosa tese segundo a cal non cumpría explicar o do Audi de Touriño porque era materia de seguridade nacional, contraataca cunha nova teoría da coalición que se resume nun mandamento único: amarás o alcalde do PSOE por riba de todas as cousas. A este paso, O Noso Alberto vai reconquistar as cidades sen necesidade de agardar as eleccións: xa llas entrega Méndez Romeu.

9/3/09

cambio de ciclo

Cambio de ciclo
A Nosa terra
09.03.2009 12:02
Hai catro anos as eleccións constataron a morte por inanición do Fraguismo e premiaban a capacidade de renovación de nacionalistas e socialistas, o 1M acredita o éxito arroiador do proceso de renovación da dereita e a arteriosclerose prematura que padecen os socios do bipartito. O triunfo de Feixóo baséase nunha amnesia selectiva con todo o que atinxe á historia dos populares na Xunta, que lle permitía ofrecer agora todo o contrario do que fixeron cando gobernaban. Tamén fixo evolucionar o seu discurso cara posicións máis “xenovesas” e menos “composteláns”: máis rebaixas fiscais, menos gaitas e o galego para quen o queira. O toque final foi auspiciar un relevo xeracional nos cadros do partido e nas candidaturas. Fronte a iso, os socialistas ofertaron unha visión acarunchada e rancia do discurso presidencialista. O “book” electoral de Touriño transmitía a mesma alegría que Don Cicuta e vendía o que non tiña: o carisma do Fraga, a quen pretendía herdar. A espantosa estética da campaña nacionalista –coa excepción do famoso vídeo–, transmitía con exactitude o que é hoxe o BNG: unha organización anticuada e lastrada pola necesidade permanente de equilibrar as forzas dun modelo frontista que xa non lle permite medrar máis. Tampouco entre os dous socios foron capaces de artellar un discurso político potente que dese coherencia á suma de cousas feitas na lexislatura. O toque final foi unha impresionante incapacidade para renovar os seus cadros e candidaturas. Feixóo fixo o que tivo que facer para gañar as eleccións, apostou forte pola renovación. Quintana e Touriño déronas por gañadas e cando repararon en que as podían perder xa era tarde para cambiar o que tiñan que ter mudado.

disque 9/2/09

As leis das sospeitas
Disque O Noso Alberto foi suxeito da cortesí­a de Citroën mentres foi líder da oposición e viaxaba de balde nun coche xentileza da marca. Agora que vai ser presidente, tanta cortesí­a semella vai ser substituída por un vehí­culo a cargo dos nosos impostos. Ao Noso PT podí­ano acusar de adicto ao luxo por un coche e unhas cadeiras mal compradas. Ao vicepresidente Quintana podí­aselle imputar o cargo de prevaricación por unha tarde ao sol no iate dun empresario. Á vista de tanta amabilidade, e aplicando mesmo con prudencia as propias leis da sospeita dos Populares, qué temos dereito a pensar agora os cidadans da relación entre o futuro presidente e o fabricante de coches francés?

E por qué non?

O mellor do cartel é a cariña que me ten o futuro presidente ollando, entre orgulloso e asépticamente profesional, o que podería ser o seu vehículo oficial. Unha elección moi acorde por certo co que foi o lema das autonómicas: “recargando Galicia”; o mellor ate lles colle porque estes vehículos teñen grande capacidade de carga. Mágoa que nunha agradecida entrevista concedida o domingo a la Voz De Galicia, descartara esta opción dicindo que "hombre no voy a andar en coches familiares ni en furgonetas. pero será un modelo de gama nornal". Qué pouco sentido do humor.... Con estes razoamentos de novo rico non imos a ningún lado....