27/3/09

disque 26/3/09 Galicia Hoxe

Citroën quere máis Disque ao director de Citroën os 88 millóns subvencionados cos nosos impostos lle parecen pouco. Disque ao seu carón, pedindo máis compromiso público, estaba O Noso Alberto. Non sabemos se foi no seu coche ou no de cortesía que lle cedeu a marca francesa. Dúas afirmacións rechamantes vindo do xestor dunha compañía que recibe axudas en Francia por despedir só fóra do país, e dun futuro presidente que debe velar porque non se despida a este lado do Padornelo. O máis apabullante da crise é como nos convertemos en responsables de que lles sigan ben os negocios a uns cantos e se non lles damos o que piden, ou se enfadan ou te despiden.

artigo no Galicia Hoxe

26/3/09

Help. Tedes unha pregunta para Rajoy?

Help, unha pregunta para O Noso Mariano
O vindeiro luns 30, TVE emite Tengo una pregunta para Usted, con Mariano Rajoy. Ó remate, haberá unha edición especial de 59 segundos para comentar as mellores xogadas e as máis polémicas, os goles e os penaltis. Ós convidados pídennnos que grabemos unha pregunta para Rajoy para poñerlla no telediario e, para variar, non se me ocurre ningunha que pague a pena. Seguro que a algún se lle ocurre algunha boa e é tan xeneroso coma para compartila con todos nós e cederme os dereitos, ou non?

disque 26/3/09 Galicia Hoxe

Oligopolio móbil
Disque Bruxelas alerta de que as compañías de telefonía móbil nos calzan as tarifas máis caras de Europa. Ben, polo menos reconforta saber que non eran invencións nosas. Alguén máis se deu de conta de como nos toman o pelo. E non é que sexamos parvos, é que estamos indefensos. Á parte de cambiar de compañía para que nos esprema outra, pouco recurso nos queda. Privatizouse e abriuse o mercado das comunicacións para ter máis competencia, e o que temos é un oligopolio onde un grupo pequeno e selecto de grandes compañías pactan como esquilmarnos mellor. E o Goberno, que fai? Rifarlles para que se porten mellor.

25/3/09

Cultura popular
Disque o Consello da Cultura alerta de que os galegos lemos pouco. Para o que hai que ler..., pensará algún e non lle faltará razón. Pero para chegar a unha conclusión tan ilustrada non viña mal ler un chisco máis. Que a xente abra tan pouco os libros, seguramente non é só culpa dela. Algo terá que ver a calidade e interese de canto se escribe, o mal que se vende e o pouco que se promociona o hábito da lectura nos nenos. Pero semella improbable que sexa a calidade e o interese da televisión que se fai o que leva á inmensa maioría a sentar diante do televisor con esa paciencia dos devotos. E sabendo seguro que total para o que hai que ver...

24/3/09

Entrevista dixital na Cadea Ser e El País

Ó día seguinte ás eleccións galegas, moitos internautas tiveron a xentileza de interesarse pola miña valoración dos resultados nunha entrevista dixital para El Pais e a Ser. Varios amigos me teñen indicado a conveniencia de recollela no Blog co ánimo de que poda mirala quen teña interese, contestar a algunhas preguntas que teñen deixado outros amigos no seus comentarios e darlle espacio ao debate que teñen suscitado algunhas das respostas. Máis madeira, amigiños.

disque 24/3/09. Galicia Hoxe

Lea en Kosovo Disque hai rebumbio pola retirada da polvoreira de Kosovo. Disque houbo teatro e protagonismo de máis da ministra no anuncio e que algún colega andaba nas patacas. Seguro que se puido e se debeu facer mellor. Pero para descoordinación, a dos populares, que un día aplauden a retirada e ao seguinte a condenan. Os mesmos aliados que unilateralmente, e contra o criterio do Goberno español, recoñeceron a independencia de Kosovo, acusan agora de unilateralismo a un Zapatero que levaban tempo avisando da incomodidade de custodiar o precedente balcánico. Fanse os ofendidos, como se a política internacional fose una cuestión de lealdade e non de intereses.

23/3/09

unha colaboración de Millán Fernández

Pachi non é Patxi Millan Fernandez
Hai responsables políticos que parecen non querer entendelas mensaxes da cidadanía activa e, ás veces, dámonos conta de que vivimos nunha Democracia a medio construír, que se atopa na preadolescencia constante, con políticos acomodaticios e instalados nunha sorte de burbulla autista. Falta cultura crítica e sobra apego polo poder. Un pensa que o republicanismo é algo que vai máis aló do mero simbolismo: carecemos pois, de suficientes activos que alcen a voz e se rebelen, e sobra sumisión, cálculo e acatamento irreflexivo. A pouca xente que puidera asomalo fuciño logo é apartada ou dada por non-ouvida pois supón un perigo desleal para as forzas do stablishment. En política os tempos son moi importantes, e os pasos a seguir soen estar marcados pola inercia exercida dende quen dispón da potestas que, como ben souberon discernir os romanos, non leva necesariamente apararellada a auctoritas. Unha cousa é a sabia prudencia, e outra o apodrecemento, a desilusión de antemán e a xordeira xeneralizada. Os medios de comunicación, en ocasións, fan o xogo a estes intereses opacos, e resulta incuestionable a súa influencia no colectivo. Dende o día seguinte ás eleccións galegas, aquel no que Touriño deu boa mostra de honradez política dimitindo de maneira irrevocable, parece que o PSdeG ten xa un candidato oficioso e prefixado ás vindeiras eleccións, que sairá do Congreso do 25-A. Dise que na Revolución dos Cravos ninguén recibiu un disparo. Non é cuestión de nomes, ou só de caras novas. A experiencia é un grado, e ninguén cabal o nega. Por eso mesmo, a experiencia democrática nos mostra que a maquillaxe, a renovación ficticia, o anquilosamento de ideas, o aillamento e o non ser permeables socialmente é preludio de fracaso electoral inefable. O liderado dun partido político que aspira a recuperalo poder para cambiala sociedade, e incluso ser maioritario, non pode construírse artificialmente. Ten que emerxer dun debate aberto e sosegado de fondo, e da confrontación de proxectos e visións para o futuro. Semella que, así como se impón a razón de Estado, na nosa partitocracia é tan recorrente a razón de Partido. Temos moito que aprender das vellas Democracias occidentais. Brown non é Blair, Kerry non é Obama, Almunia non é Zapatero. E Pachi non é Patxi.

disque 23/3/09

Xustiza e sensatez Disque a xuíza considera adecuado e razoable o proceder do Estado na xestión do "Prestige". Disque toda a culpa bótalla a Mangouras e á empresa que asumiu o rescate. Unha cousa é que López-Sors non sexa penalmente responsable e outra que haxa que darlle as grazas por deixar que o barco regase de chapapote as nosas costas. Unha cousa é que o capitán e a empresa sexan uns elementos de coidado e outra é que o Estado non teña a obriga de estar aí para impedir as súas falcatruadas. Unha cousa é que a Xustiza teña que ser cega, outra que non respecte as regras mais elementais da sensatez e o sentido común antes de ditar sentenza.