Subestimar a Feijóo
De ser así, estariamos ante o maior e máis grave dos erros estratéxicos cometidos pola esquerda galega en tempos. Levando a cabo un exercicio de ensimismamento, autoconvencéndose de que a derrota foi inxusta e culpa do socio, de que Albertiño non posúe dotes de liderado tendo un perfil gris ou de que, cunha maioría tan exigua é relativamente doado recuperala Xunta, só se facilitaría a situación a un PPdeG que é perfectamente capaz de asentarse definitivamente no noso país sendo, desta maneira, colaboradores necesarios. Alguén que foi quen de dárlle a volta a uns comicios en tan só un mes de campaña depredadora, pero efectiva, non debera minusvalorarse. Incluso algúns crerán que o Bruxo de Palas, por sí mesmo, pode salvarnos desta antes ou despois.
O Martes escoitamos o discurso de envestidura do Presidente no Parlamento, e tamén as reaccións. O que queda claro é que avanza unha tibia renovación no seo da dereita (a ver cando concrete) e iso, pódeo facer relativamente atraínte para parte das novas xeracións, cada vez máis desideoloxizadas e afastadas dun compromiso estreito cos ideais. Facendo unha lectura desapaixoada del pode intuírse como avoga, sen ambaxes, por unha nova liña política e como nalgunha parte, incorpora retazos de inspiración poético-obamaniana adaptados á realidade galega. No asunto da lingua patina, pero colará. Non é o Feijóo da campaña. Móstrase conciliador. Non lle caen os aneis por facer loubanzas a insignes intelectuais galeguistas, coma Vicente Risco, Ramón Piñeiro, ou outros. Non dubida un segundo en calificala etapa franquista coma unha longa noite de pedra. Non lle treme o pulso á hora de apropiarse de conceptos e reivindicacións tradicionalmente defendidas dende o outro lado, coma a igualdade de xénero, ou o desenvolvemento sostible.
En principio, a situación de crise xoga no seu favor e xa bota a bola enriba do tellado do Goberno de Madrid, parapetándose sen pudor, e gañando tempo. Anuncia que a condición sine quao non para aprobar un novo Estatuto é que respete a futura sentenza do Tribunal Constitucional sobor do Estatut catalá, o que significa que non temos porque aspirar a dotarnos dalgo menor...Ven para quedarse. Non caian na tentación de subestimalo!.






