24/4/09

disque 24/4/09 Galicia Hoxe

O Noso "Pachi" Disque os socialistas celebran congreso para elixir sucesor de O Noso PT. Pode que no BNG se estean pasando de autocríticos na análise da derrota, e que resulte esgotador seguir tanto debate interno e misión case imposible entendelo, pero sempre será mellor que este aquí non pasou nada e toda a culpa foi de Touriño e dos seus asesores, no que semella terse instalado o PSdeG. A coroación de O Noso Pachi como novo líder chega precedida dun silencio que presaxia pouco bo. Non lles viría nada mal debater, dentro dunha orde, sobre por que pasaron de competir por ter máis votos có PP a estar na oposición. Seguro que algo fixeron mal, eles tamén.

artigo no Galicia Hoxe

23/4/09

disque 23/4/09 Galicia Hoxe

Defínete, Alberto! Disque O Noso Alberto vai convocar a oposición para buscar unha fronte común para negociar o do financiamento en Madrid. Disque máis ca nunca fai falla en tempos de crise, e ten razón. Ao mellor conviña empezar por ir á capital informarse das novidades antes de falar, non vaia ser que pareza que nos preocupa máis poñer a venda que a ferida. Ademais de avisarnos dos perigos da bilateralidade, estaría moi ben que nos explicara cal é a proposta do Goberno galego e cal é a do PP, e se son a mesma. Non vaia ser que deba convocar antes o seu partido e poñerse de acordo coa Nosa Espe, que andaba encantada co trato bilateral e o repartimento dos cartos en función da poboación.

22/4/09

disque 22/4/09 Galicia Hoxe

O xíbaro administrativo Disque O Noso Alberto se puxo xíbaro e reduciu á metade o número de altos cargos. Adiante cos farois. Despois que ninguén veña chorando que non dan abasto, que se teñen que afacer e que os devoran os expedientes. Hai aforros que acaban pagándose co lombo se non se pensaron coa cabeza. Pero seguro que saben o que fan e teñen claro como sacar adiante o traballo sen apuros. Como tamén terán claro que, de certo, toda a xestión dos servizos sociais pode concentrarse nunha secretaría e nunha dirección xeral, mentres que o complexo e delicado mundo do deporte merece unha secretaría xeral adscrita ao presidente. Doutores ten a Xunta.

21/4/09

Trilingual. A nosa Terra Nº 1355 - 16 de abril de 2009

TRILINGUAL
antón losada
Non contento con desencadear a pantasma do “bilingüismo amable” para que percorrera Galicia, o Presidente inminente vén de desatar ó “trilingüismo cordial”. Acaso para que non se notara que as súas famosas receitas contra da crise aínda están por cociñar no libro dos orzamentos, Feijóo proclamou con énfase un dobre obxectivo : impulsar o uso do galego, o castelán e o inglés por un lado e respectar os dereitos individuais polo outro.
De entrada compre recoñecer que é un avance no discurso da dereita, de sempre instalada no convencemento de que aprender galego impedía a aprendizaxe da lingua de Amy Winehouse. Analizada en máis detalle é un choio.
Quén defendemos o dereito a vivir en galego deberíamos cambiar de táctica. Pasar da antipatía á cordialidade ben entendida, que empeza por un mesmo. É hora de tomarlle a palabra á Feijóo e camiñar xuntos pola senda da liberdade e se fai falla, da amnistía e do Estatuto de Autonomía
Nós tamén queremos respecto para os nosos dereitos individuais. O novo Presidente ten a obriga de garantir que podamos educar aos nosos fillos en galego na metade das materias, matemáticas incluídas, como sabiamente establece o Plan de Normalización de Don Manuel. Igualmente, debe de ser sensible ós dereitos de quen consideran que iso do castelán é un atraso e anhelan que aos seus fillos se lles aprenda en galego e en inglés. E mesmo garantir os dereitos de quen consideran que o futuro é o inglés e o resto é perder o tempo. Ou so teñen dereitos individuais os castelán falantes? E así ate que haxa tantas aulas e profesores como dereitos individuais.

disque 21/4/09 Galicia Hoxe

Cada quen na súa casa Disque, segundo Aymerich, no BNG non sobra ninguén. Sóbralle razón. O cal non é incompatible con que haxa algún que estaría mellor noutro sitio ou ande equivocado de partido. As comarcas falaron e déronlle a maioría á UPG, e vai sendo hora de que Rodríguez e os seus asuman por unha vez a primeira liña e toda a responsabilidade que leva canda si. Mal farían os quintanistas en aceptar facer de socio presentable. Peor farían en pactar cos Irmandiños sobre a única base de ir contra da U. Se o nacionalismo galego quere abrir unha nova etapa, é hora de deixar de confundir consenso con rebumbio. Cada quen na súa casa, e Castelao na de todos.

20/4/09

misterio galego n# 10

agora que xa hai resultados nas comarcas é ningunha das listas acadou una maioría suficiente para a Asemblea, os representantes do nacionalismo galego seguirán enclaustrados en debates de casino sobre si son pouco, dabondo ou moito de esquerda ou si son galgos ou son delegados, asuntos que so eles entenden e so a les importan, ou empezarán a ocuparse do que lle preocupa á xente que lles votou e á que lles podería votar algún día?

disque 20/4/09 Galicia Hoxe

Goberno á medida Disque O Noso Alberto xa ten equipa e ao seu gusto. O mellor é que cumpre a promesa de reducir a dez as consellerías. O menos bo é que do rebaralle resulta un executivo con certa desproporción entre carteiras, algunha inspirada en ideas xa vellas como volver separar economía e facenda. Disque domina o perfil técnico sobre o político. Algo que garante que polo menos se rompen algo, o fagan de xeito moi profesional. Un goberno de xestores que para falar de política aplicará a estratexia de comunicación dos Populares dende a campaña e que tan ben lles vai: hai un poli bo, que é O Noso Alberto, é un poli malo que é Alfonso Rueda.