5/6/09

disque 5/6/09, Galicia Hoxe

Galicia Hoxe
Disque Obama dixo que o Islam é parte dos EEUU. Disque dixo que a única solución son dous estados para xudeus e palestinos. Vai polo bo camiño, aínda que sexa o máis difícil. O diálogo e a tolerancia co diferente substitúen a guerra e a intolerancia que practicaba Bush. Os palestinos son escépticos sobre a súa capacidade para evitar a presión do lobby xudeu. Os israelitas déixanlle facer, fiados no fracaso de todos os procesos de paz intentados antes. Bin Laden xa lle declarou a guerra. Todo son axudas. Pero hai tempo que Obama acreditou a súa capacidade para saír adiante cando todo parecía poñerse na súa contra.

disque 4/6/09, Galicia Hoxe

Galicia Hoxe Disque botando a media, O Noso Alberto atopa un buraco do bipartito cada corenta e oito horas. A Xunta é un gruyère do furada que está. Segue o famoso modelo do buraco: primeiro gáñanse as eleccións dicindo que si a todo o mundo e despois botas as contas para que saian tantos buracos como problemas, de xeito que poidas dicirlles a todos que non é cousa túa e máis quixeras ti que amañalo. Están refinando tanto a técnica que xa fan os buracos antes que os problemas, e, así, xa nos fixeron saber que se este verán hai lume, será polo buraco. E digo eu, se dedicaran tanto tempo a tapalos como gastan en denuncialos, non iriamos mellor?

3/6/09

disque 3/6/09, Galicia Hoxe

Galicia Hoxe
Disque por primeira vez en catorce meses creamos máis emprego do que destruíu a crise. Se facemos caso da sisuda análise que O Noso Mariano fai da crise, dado que o paro era culpa de Zapatero, tamén serán culpa del os postos de traballo creados. Se seguimos a floricultura económica practicada polo Goberno, estamos diante dun talo verde. Nin unha cousa nin outra. Imos a rastro dos ciclos da crise global dun modelo do que unha minoría quitou grandes beneficios, que agora pagamos a maioría. O dilema económico de fon- do que temos que afrontar segue intacto: nós, que lle vendemos ao mundo? Onde crea o valor engadido a nosa economía?

2/6/09

disque 2/6/09, Galicia Hoxe

Galicia Hoxe
Disque Garzón recorre o auto do Supremo que lle imputa prevaricación por instruír a causa polos crimes do franquismo. Fai ben en defenderse, porque tiran con bala. Hai tempo que a dereita o ten enfilado. O poñente do auto, Adolfo Prego, firmou contra a Lei da Memoria Histórica e é patrono dunha fundación ultra conectada coa entelequia querelante, Manos Limpias. Resulta aberrante que, nun país civilizado, un esperpento tan sucio como Manos Limpias poida sequera achegarse a un tribunal, co seu historial de querelas instrumentais ao servizo do mellor postor. Pero aínda da máis noxo que preguntar polos desaparecidos poida ser delito.

1/6/09

misterio galego n#16

Por qué este luns, cinco minutos antes de lévalo ó consello de administración da CRTVG o novo Director Xeral se resistía a dar ó nome do novo director da TVG á equipa saínte? Era por discreción, por qué non o sabía ou por qué aínda non atoparan a alguén que dixera que si?

disque 1/6/09, Galicia Hoxe

Galicia Hoxe
Disque a unha semana de ir votar os populares van por diante, pero polos pelos. Para ser un presidente acabado e devorado pola crise, hai que recoñecerlle a Zapatero que saíu ben duro de roer. En Madrid andan moi preocupados polo sucio e rudo dunha campaña onde ou falan do Falcon ou falan un dos outros coma se foran Falconetis. Fáltalles mundo alí en provincias. Se tiveran prestado atención ás nosas eleccións, non lles sorprendería tanto. A dereita española limítase a importar a exitosa estratexia de enlodar e atacar directamente a integridade persoal do adversario. A diferenza é que Zapatero devolve os golpes cando llos dan, non cando xa non lle doen a ninguén.