3/7/09

disque 3/7/09, Galicia Hoxe

Non saen as contas Galicia Hoxe
Disque O Noso Alberto non quedou contento coas contas que lle fixo a vicepresidenta Salgado. Disque do falado con Chaves, máis ben pouco: nin 7% nin dispersión nin avellentamento. A negociación está empezando e a oferta mellorará, pero non o suficiente, porque neste xogo de poder e de equilibrio que vai ser o novo modelo de financiamento, Galicia leva malas cartas. Somos periferia, somos menos e facemos pouca falta. E iso é certo tanto para o Goberno como para a dirección do PP. Postos a escoller, os dous elixirán apoiar as demandas das comunidades onde teñen máis votantes. Estamos sós e non temos moito co que negociar. Así que máis lle vale ao presidente aplicarse en manter a unidade das forzas políticas e informarnos con claridade do que pasa, porque son as únicas bazas que ten para xogar.

disque 2/7/09, Galicia Hoxe

Disque O Noso Alberto vai permutar os audis por vehículos para fins sociais. Non sei se lle quedará remanente para tanto co que leva gastado cos cartos de todos en mercarlles citroëns de gama alta aos seus conselleiros, para dar exemplo de austeridade. Do Goberno sabemos pouco, pero de coches blindados sabémolo todo. O resto do mundo debe mirarnos con envexa e pasmo. Mentres os seus gobernos se distraen en detalles como a crise, o paro ou o modelo produtivo, o noso estase a ocupar das dúas cousas que realmente nos importan, nos afectan e nos permiten vivir nun mundo mellor e máis xusto: o castelán e os audis.

1/7/09

disque 1/7/09, Galicia Hoxe

Disque Chaves e O Noso Alberto acordaron que o novo sistema de financiamento non pode basearse só na poboación. Por onde vai, o Goberno central dille ao anfitrión o que quere escoitar e logo quéixase de que non hai xeito de chegar a un acordo. Mentres a cuestión sexa ver quen saca máis, vai ser difícil un pacto estable e que dure no tempo. Non estaría de máis que se empezara a falar do que se quere financiar e sacar consecuencias sobre como facer racional a anticuada estrutura de gasto das administracións, onde aforrar dispendios inútiles e como definir mellor as responsabilidades dos que gastan a solidariedade dos demais en caprichos locais que valen para ben pouco.

disque 30/6/09 Galicia Hoxe

Disque a Madoff, o inventor do tocomocho para vips, caéronlle máis anos dos que lle quedan de crédito na vida. O símbolo da avaricia que pariu a segunda gran depresión acabará os seus días comprobando que, efectivamente, o tempo é ouro. O seu crime ten castigo. Quedan impunes os reguladores e os organismos de control que lle deixaron perfeccionar o seu timo durante corenta anos. Quedan impunes os moitos cómplices que dende moitas institucións lle axudaron a borrar o seu rastro estes anos. Quedan impunes os avariciosos clientes que preferían non saber nada, mentres lles pagaran os seus incribles dividendos. O capitalismo funciona.

29/6/09

disque 29/6/09 Galicia Hoxe

Disque O Noso Alberto alertou contra quen pretenden facer do galeguismo un reduto selectivo e afirmou que non hai un único xeito de entender o propio e amar ao país. Ten moita razón e está moi ben falado. Converter en optativo o Galego nas oposicións para traballar na administración de Galicia, desatender o mandato estatutario e parlamentar de normalización da lingua no ensino, ou que a metade do goberno padeza serias dificultades para expresarse en galego e faga de tal carencia un signo de liberdade, deben de ser as formas alternativas dun galeguismo onde Galicia e o Galego pasan a ser opcionais, cuestión de gustos.