18/3/11

Caderno de bitácora. Data estelar 2011.3.18

Non se me ocorre mellor imaxe para resumir a estampa de Núñez Feijóo no debate do estado da nación desta semana. É unha pintura urbana que se pode ver na ponte do Catro Camiños de A Coruña.
Coa maleta feita e lista para marchar, o home espera e navega como pode entre os restos dise naufraxio que chamamos Galicia.

14/3/11

Caderno de bitácora. Data estelar 2011.3.14

O nenos e nenas que estudábamos na escola de Prada, en Xove, Lugo, lembraremos dos anos 1978 e 1979 que os pais duns e doutros deixaban de falarse, ou falábanse a berros, con demasiada facilidade. Había un ambiente raro. A tensión resultaba tan alta como a que avisaba o cartel de perigo do transformador que construiran á beira da estrada, onde xogábamos ao fútbol nos recreos.

Polas casas andaban os señores de Fenosa, que ofrecían cartos a uns e outros para que lles venderan casas e terras e instalar unha central nuclear a caron da Praia de Esteiro. Algúns veciños querían. Outros se resistían. A Garda Civil paseaba moito daquela polo pobo. Con mais frecuencia por diante das casa de quen non querían e o dicían en alto. Fenosa pagaba moi ben campañas para acreditar que o proxecto era seguro e todos quen se opuñan o facían por ser comunistas perigosos.

O empeño dos veciños obrigou a que se fixeran varios informes xeolóxicos, nos que se acreditou que a central íase construír xusto enriba dunha falla sísmica. Un golpe afortunadamente definitivo para a credibilidade de un proxecto no que ate ó derradeiro segundo, "Fenosa garantiza la seguridad de la futura central nuclear de Xove" ElPais. 17/5/79

Tiña daquela doce anos. Lembro que aquel ano, quen íamos de indios gañarámoslle a quen ían de vaqueiros porque, quedando so Roberto e máis eu e contra todo pronóstico, mateille eu antes. E tiña mérito, porque como bo fillo da mestra que son, resultaba mais ben torpe para ese tipo de desafíos. Tiven sorte aquel ano, como a tivo a praia de Esteiro e Ceranzos, e Prada, e A Vara, e Toimil, e Xove. A min é que me sobran as razóns para ser antinuclear.