25/3/11

Caderno de bitácora. Data estelar 2011.3.25

O decreto eólico Bipartito era legal. O TSXG vén de sentenciar que o decreto 242/2007 se axustaba á lei.

A noticia non tivo nin de lonxe a relevancia que tivo a anulación no seu momento. Os argumentos da legalidade tampouco están a ter publicidade que tivera no seu día os argumentos que se barallaban no OJNIS –Objetos Jurídicos No Identificados- encargados por Alfonso Rueda para fundamentar esa gran aportación galega á ciencia xurídica moderna que son as “tachas de ilegalidade”

Había que anular o concurso porque o decreto estaba mal se nos dixo. Era ilegal, inconstitucional e mesmo cheiraba a corrupción, insinuaron e dixeron dende a Xunta e La Voz de Galicia, o periódico de dereitas coruñés. Agora que o TSXG o declara legal e constitucional, semella que o Decreto e a Constitución xa non importan tanto.

Preguntado onte pola sentenza, o Conselleiro Guerra dixo que non puido facer outra cousa que anular porque tiña enriba da mesa un informe negativo da Asesoría Xurídica e outro do Consello Consultivo De Galicia. O conselleiro esquece intencionadamente como aquelas celebérrimas tachas de legalidade do informe do Consello Consultivo foron considerados de forma efectiva pola Consellaría de Innovación e Industria, xa que o borrador de decreto foi modificado para corrixilas. O texto aprobado polo Consello da Xunta xa estaba corrixido.

Fica agora por ser emitida a sentenza relativa á resolución do concurso do 24/12/2008. Se o TSXG tamén ratifica a súa legalidade,, alguén terá moito que explicar. Ou non. Sendo como somos, aínda vai ter que volver o Bipartito explicarnos cómo se lles ocorreu facer un decreto legal e resolver legalmente un concurso que era propiedade e lle tocaba repartir a dereita, como é típico en Galicia. Qué pouco respecto pola tradición. Nun pais tan conservador iso é un suicidio.

21/3/11

Caderno de bitácora. Data estelar 2011.3.21

Ás veces semella que non queda outra que concluír que, efectivamente e tal e como sospeitabas dende neno, nalgures anda alguén que está tentando dicirche algo.


Pero de seguido, asáltache a dúbida de saber se non fondo, e como tamén sospeitas dende a adolescencia, non serás ti mesmo quen anda buscando que alguén che diga algo. E calquera cousa que se che cruza non camiño acábache servendo para concluír que, efectivamente, hai alguén nalgures tentando dicirche algo.

Nunca sabes qué vai primeiro. Se a revelación ou a gañas de ser revelado. O mundo resulta confuso e repunante. Sempre chega un momento no que vale calquera cousa para clarificalo, aínda que sexa un pouco e a cachos.

Pero aínda asumindo pacificamente que sexa un sinal. E mesmo deixando de lado a polémica cuestión da súa autoría. Nunca son claras. Sempre son reviradas Qué me queren dicir as nubles? Qué tire para diante? Qué tire para diante pero caneando? Qué primeiro canee e logo tire de fronte? Qué teño que tirar para diante e procurar adelgazar? Ou simplemente que non me disperse tanto e que me centre algo máis?