28/6/11

Caderno de bitácora. Data estelar 2011.6.28


Todo o que teño que dicir sobre a morte en papel do Galicia Hoxe xa o dixo mellor o seu director, o meu amigo Caetano Diaz, na carta que nos mandou a quen colaborábamos na idea. Carta que suscribo punto por punto e reproduzo aquí co seu permiso.



Prezados amigos, 

Galicia Hoxe sae o día 28 de xuño por derradeira vez. Pechamos asfixiados pola conxuntura económica -con perdas insostibles e perigosas para a saúde do resto do Grupo Correo Gallego-, pero, sobre todo, pechamos polo indecente castigo institucional a todo canto 'cheire' a galego, concretado nun brutal recorte de máis do 50% nas subvencións que o GH recibía da Xunta, tanto con Fraga como co bipartito. 

Non podemos aguantar un día máis e dicimos adeus no aniversario da aprobación do Estatuto do 36 e no da volta dos restos de Castelao. Querémosvos agradecer o voso apoio nestes 2.943 números dunha aventura singular e fermosa, oxalá que non irrepetible. 

Sabemos que non conectamos como deberiamos coa nosa sociedade civil e que tampouco sentimos a súa calor -pero non é este o momento de criticar nin de facer autocrítica, que tempo teremos-, e sabemos, tamén, que os vosos artigos e as vosas entrevistas foron importantes, imprescindibles, para construír un periódico plural, comprometido co seu país e aberto ao mundo. 

Seguiremos vivos na rede co GH dixital e confiamos en atopar o xeito de poder contar co voso talento para manter en pé o piar básico de Galicia: o galego, unha lingua de concordia para un país libre e tolerante. 

Grazas, de corazón, e forza. Boas noites e boa sorte. 

Caetano Díaz

No hay comentarios:

Publicar un comentario