Disque o conselleiro da Presidencia tiña praza de asesor de Louzán para ter a excedencia e non deixar de ser funcionario por meterse en política. Alega O Noso Alberto que non cobraba. Home presidente, se mo permite, só faltaría. E por certo, quen lle pagaba e por cal traballo? Rueda lévase distinguido por converter o ataque persoal descarnado e a negación da honorabilidade dos adversarios nun xeito de facer política. Asemade, leva lanzado duras críticas contra os funcionarios e asesores que contrataba o bipartito. Non debera deixar que se explique por el o presidente. Tampouco deberan na oposición precipitarse a darlle da menciña que tanto receitou el, e negarlle calquera defensa e enxurrar en público a súa honestidade. Estou seguro de que pode explicalo sen acusar a ninguén de nada. Seguro que pode contestar sen esforzo a unha pregunta ben sinxela: que facía na Deputación para que non lle pagaran nin un euro?
No hay comentarios:
Publicar un comentario