29/5/09

unha colaboración de Millán Fernández

Feijóo na encrucillada Cando as augas volven ó seu cauce no seo das forzas da oposición parlamentaria, e aínda que a necesaria viaxe catártica para reconstruír unha alternativa crible non se producise, parece emerxer novamente, entre elas, certo consenso básico nalgunhas cuestións. As mensaxes que saen de boca dos portavoces do PSdeG e do BNG ó respecto do asunto lingüístico teñen un común denominador: denunciar a abxecta campaña de boicot ó idioma galego que se ven defendendo recentemente dende sectores minoritarios, capitaneada por un Feijóo preso das promesas electorais e da connivencia coa deplorable e irracional plataforma Galicia Bilingüe. Intúese que a oposición “dos Vázquez” vai ser dura e de desgaste toda a lexislatura, moi belixerante cando se trate de defender o ameazado, e consensuado no seu día, modelo recollido no Plano de Normalización Lingüistica. Ámbalas formacións encontraron cedo un punto de unión que as obligará a ser inflexibles coas absurdas tentacións involucionistas, segregadoras e diglósicas que o Presidente puidera ter. O común dos mortais teremos a oportunidade de comprobar as habilidades de Feijóo a medida que a polémica vaia decaendo ou non, e a medida que as palabras muden en feitos. Ó meu parecer atópase nunha encrucillada maiúscula: facerse eco das mentiras construídas dende eses espazos socias minoritarios e acometer reformas encamiñadas a devaluar a nosa principal seña de identidade como pobo, ou manter unha actitude cautelosa, de entendemento e de respeto, cunha das razóns de ser da nosa autonomía política (aquela que lle deu a posibilidade de ser quen é) a risco de “traizoar” ós ruidosos axitadores que tantas esperanzas depositaran nel para facer de Galicia un país no que o idioma de seu pase a ser considerado algo arcaico e residual, propio “dunha terra aillada, que mantivo a fala por mor do analfabetismo do campesiñado”, como defende un dos impulsores de Galicia Bilingüe. Neste dilema se atopa Alberto Nuñez Feijóo. Faga o que faga será criticado salvaxemente. O que ten que decidir é se quere estar á altura do seu cargo, ou ir da man daqueles que mesmo nin cren na figura dun Presidente da Xunta de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario