9/6/09

a nosa terra, Nº 1361 - 28 de maio de 2009

A nosa Terra - Piratas do galego
Dicía meu pai que a mentira nunca dura de abondo para se facer vella e canta razón tiña. E se non que llo pregunten ao Presidente. Querendo ou sen querer, acaba de confesarse publicamente e recoñecer que o consenso lingüístico rachouno el. O que había antes do Bipartito tampouco vale e o que realmente queren é un novo réxime onde se aprenda en castelán e o galego se use para o que vale e é bonito: para as propias clases de galego.
A teoría lingüística popular até esta semana era que antes, cando mandaban eles, vivíamos no mellor dos mundos posibles, o do bilingüismo cordial. Galicia era un país feliz onde a lingua unía en vez de separar. Esa arcadia lingüística fora ameazada primeiro e destruída despois polo malvado Bipartito, especialmente por unha secta de integristas chamada “nacionalistas”, buscando impor un estalinismo lingüístico onde ou falabas galego, ou non saías na foto e se che perseguía por inimigo do estado. Durante meses peregrinou polo país prometendo o maná da cordialidade e que todo volvería a ser coma antes.
Pero a verdade sempre atopa o burato para saír ao aire. Hoxe sabemos que de volver aoa de antes nada, que o problema xa non é o brutal decreto bipartito, senón a hostil Lei de Fraga e o bronco Plan de Normalización Fraga, aprobado por unanimidade no Parlamento galego. O Presidente e o Conselleiro dixérono ben claro: non hai que cumprilo, s´ó son unhas orientacións que se poden aproveitar ou non. O mesmo que di o capitán Barbosa en Piratas do Mar Caribe: as leis da piratería non son exactamente leis, senón orientacións que se poden respectar, ou non.

1 comentario:

  1. O mellor de todo é que o que o capitán Barbosa reclamaba era: Parlamento! E seica é daí de onde saen as leis que agora non lles valen.

    ResponderEliminar