17.06.2009 17:40
Logo da desfeita da Europeas, colocándose de novo por debaixo do 10% en apoio electoral e perdendo sobre todo nas cidades, o BNG ten diante de si dous camiños.
O primeiro é perseverar na senda da “satisfacción moderada” da que fala a UPG ao valorar os resultados. Seguir empeñándose en buscar votantes e país onde nin hai, nin se lles agarda. Enrocarse na análise Sartriana na que inferno son os outros e todo é culpa do bipartidismo, de Pepe Blanco, da dereita caciquil, dos medios de comunicación ou dos galegos, que non saben ver o bo aínda cando llo pos diante.
O segundo é asumir a crúa realidade de que o nacionalismo en Galicia aínda está en proceso de construción. Fai tempo que non medra nin progresa porque non sabe dotarse das ferramentas que fagan posible esa evolución: uns cadros renovados e preparados, unha organización competitiva, un liderazgo forte e non hipotecado, un discurso pegado ás demandas e necesidades da sociedade que pretende gobernar e unha oferta de políticas públicas que garantan a eficiencia, a calidade e o valor social da acción pública.
Para empezar a andar nesta dirección de xeito crible, semella inescusable a saída da sala de mandos de Paco Rodríguez e todo canto representa o a posta en marcha dunha profunda renovación da oferta a presentar nas vindeiras municipais.
O primeiro camiño leva, a curto prazo, á irrelevancia electoral e política. O segundo leva, a longo prazo, a competir pola maioría. De aquí ás vindeiras eleccións galegas é o tempo que lle queda ao nacionalismo para elixir o que queira e máis lle conveña.
No hay comentarios:
Publicar un comentario