20/1/10

Caderno de bitácora. Data estelar 2010. 1. 20

Leo no xornal que no seu primeiro aniversario no papel de Harrison Ford en Air Force One, os electores de Massachustes regaláronlle a Obama un senador republicano novo do trinque para sustituir a Ted Kennedy. Iso supón o fin da mioría demócrata no Senado. Coa súa proverbial ignorancia sobre os USA, os mesmos medios que fai un mes daban por feita e declaraban histórica a reforma sanitaria de Obama, agora din que non hai nada que facer. En Europa imos morrer calquera día dun ataque de simplismo.

Din os entendidos que recolle a decepción do seu primeiro ano de mandato. Non digo que non, porque lle pedían a lúa e so está autorizado para dala Henry Mancini. Pero tamén pode ser que haxa outros motivos que teñen que ver cos poderosos intereses aliados na contra do seu programa de reformas e as tácticas de combate que utilizan.

Acabo de ver un episodio da nova versión de V que emite a poderosa ABC con grande éxito de audiencia -5.0 puntos de rating, un 13% de share y 13.9 millones de espectadores- . Nunha escena a nova Diana - moi mona, pero sen o morbo que tiña a orixinal, con aquela hiperpermanente alucinante coa que castigaba ó seu pelo – anúncialle a un periodista a quen antes tentara censurar que “os visitantes” van ampliar os servizos sanitarios que prestan de balde ós terrestres; o obxectivo é que haxa un centro sanitario para todos por cidade. Solícito e con cara do fonda preocupación, o heroico xornalista que se negara a ser manipulado pola perversa invasora extraterrestre, recalca para que quede ben clariño: “o que está anunciando é unha sanidade pública universal, non?”

No hay comentarios:

Publicar un comentario