Un pouco de distancia
Paula P. Cedrón
Ás veces para ver, para comprender, é necesario poñer un pouco de distancia e dende aquí Galicia semella unha nai cansa de ver ós seus fillos divididos e enfrontados. Galicia obsérvanos sempre, tamén ós da gaivota no xersei, e xa está farta de escoitar parvadas, de presenciar debates e discusións que non levan a ninguna parte. Se algo lle ensinaron todos estes séculos de loitas e represión, é que imponer nunca está ben, e que a única solución é seguir pelexando na sombra e agardar a que a gaivota se volva anduriña, e a que os fillos pródigos comprendan por fin que autonegarse non ten ningún sentido: falar castelán nin desgaleguiza nin españoliza.
É curioso, pero ás veces parece que botamos de menos o xugo, que non sabemos vivir se somos libres. Por primeira vez na nosa historia ninguén nos está a prohibir expresarnos nunha lingua que por riba de todo é nosa, pero aínda hai xente (hai cada vez máis xente, debería dicir) que prefire a de fóra porque é máis práctica ou porque semella máis chic, que sei eu. O caso é que o problema aquí xa non é que a vasoira do Goberno queira agochar debaixo da alfombra todo o que teña acento galego, senón que son moitos os que están dispostos a axudarlle ó señor Feijóo na súa tarefa de limpar as rúas.
Isabel, Fernando e o seu pupilo Francisco estarían orgullosos, iso seguro, pero e nós que? En que momento deixamos de ser ese gran Nós que soñou unha Galicia forte, unida, galega para convertirnos nun nós pequeniño que se divide e se subdivide entre os que non falan e os que falan galego, entre os que os que un día o falaron e aqueles a quen nunca se lles permitiu facelo?
No hay comentarios:
Publicar un comentario