8/9/10

Un pouco de distancia, unha colaboración de Paula P. Cedrón

Un pouco de distancia

Paula P. Cedrón


Ás veces para ver, para comprender, é necesario poñer un pouco de distancia e dende aquí Galicia semella unha nai cansa de ver ós seus fillos divididos e enfrontados. Galicia obsérvanos sempre, tamén ós da gaivota no xersei, e xa está farta de escoitar parvadas, de presenciar debates e discusións que non levan a ninguna parte. Se algo lle ensinaron todos estes séculos de loitas e represión, é que imponer nunca está ben, e que a única solución é seguir pelexando na sombra e agardar a que a gaivota se volva anduriña, e a que os fillos pródigos comprendan por fin que autonegarse non ten ningún sentido: falar castelán nin desgaleguiza nin españoliza.

É curioso, pero ás veces parece que botamos de menos o xugo, que non sabemos vivir se somos libres. Por primeira vez na nosa historia ninguén nos está a prohibir expresarnos nunha lingua que por riba de todo é nosa, pero aínda hai xente (hai cada vez máis xente, debería dicir) que prefire a de fóra porque é máis práctica ou porque semella máis chic, que sei eu. O caso é que o problema aquí xa non é que a vasoira do Goberno queira agochar debaixo da alfombra todo o que teña acento galego, senón que son moitos os que están dispostos a axudarlle ó señor Feijóo na súa tarefa de limpar as rúas.

Isabel, Fernando e o seu pupilo Francisco estarían orgullosos, iso seguro, pero e nós que? En que momento deixamos de ser ese gran Nós que soñou unha Galicia forte, unida, galega para convertirnos nun nós pequeniño que se divide e se subdivide entre os que non falan e os que falan galego, entre os que os que un día o falaron e aqueles a quen nunca se lles permitiu facelo?

disque 8/9/10, Galicia Hoxe

a consellería de educación da Xunta de O Noso Alberto sempre é unha garantía de espetáculo.....chapuza cortés | GH

7/9/10

Manifesto os medios en galego importan..... e moito

Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia.

Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar os medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sós. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.


Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise.

Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar os medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un tras outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego.

A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos".

 
podes asinalo en  www.osmediosengalegoimportan.com/

disque 7/9/10, Galicia Hoxe

a triste historia do conductor Neira e a Presidenta que non sabía cesar..... se bebes, non presides | GH