14/3/11

Caderno de bitácora. Data estelar 2011.3.14

O nenos e nenas que estudábamos na escola de Prada, en Xove, Lugo, lembraremos dos anos 1978 e 1979 que os pais duns e doutros deixaban de falarse, ou falábanse a berros, con demasiada facilidade. Había un ambiente raro. A tensión resultaba tan alta como a que avisaba o cartel de perigo do transformador que construiran á beira da estrada, onde xogábamos ao fútbol nos recreos.

Polas casas andaban os señores de Fenosa, que ofrecían cartos a uns e outros para que lles venderan casas e terras e instalar unha central nuclear a caron da Praia de Esteiro. Algúns veciños querían. Outros se resistían. A Garda Civil paseaba moito daquela polo pobo. Con mais frecuencia por diante das casa de quen non querían e o dicían en alto. Fenosa pagaba moi ben campañas para acreditar que o proxecto era seguro e todos quen se opuñan o facían por ser comunistas perigosos.

O empeño dos veciños obrigou a que se fixeran varios informes xeolóxicos, nos que se acreditou que a central íase construír xusto enriba dunha falla sísmica. Un golpe afortunadamente definitivo para a credibilidade de un proxecto no que ate ó derradeiro segundo, "Fenosa garantiza la seguridad de la futura central nuclear de Xove" ElPais. 17/5/79

Tiña daquela doce anos. Lembro que aquel ano, quen íamos de indios gañarámoslle a quen ían de vaqueiros porque, quedando so Roberto e máis eu e contra todo pronóstico, mateille eu antes. E tiña mérito, porque como bo fillo da mestra que son, resultaba mais ben torpe para ese tipo de desafíos. Tiven sorte aquel ano, como a tivo a praia de Esteiro e Ceranzos, e Prada, e A Vara, e Toimil, e Xove. A min é que me sobran as razóns para ser antinuclear.



2 comentarios:

  1. Para saber que non é un lugar apropiado para una central nuclear non hay que facer moito estudo. En primeiro de carreira co meu profesor de xeología pasamos por alí para eso de ensinarnos unha falla. Unha expresión que me gusta moito recordar é que para estas cousas non fai falta máis que levar postas as gafas de ver o terreo, moitas veces sobran estudos...

    ResponderEliminar
  2. Anónimo19.3.11

    Agora oiremos aos de sempre que isto é o precio que hai que pagar polo progreso, aos outros que é unha irresponsabilidade irreparable, e no fondo de todo agardamos ao tempo que todo o tapa co seu implacable esquecemento.Asi repetimos a vida.
    Se eu fixen tal mundo.. que o demo me leve. (dixo un deus, en boca do Curros)

    ResponderEliminar