7/1/11

caderno de bitácora, data estelar 2011. 1. 7.

Coma sempre en Galicia, cando goberna a dereita, as desgrazas pasan, son forzas da natureza e fíxose todo canto se podía. So se poden previr ou se peca de improvisación cando chove, neva ou venta e gobernan a esquerda ou o nacionalismo. Seguramente así será. Pero no caso das choivas de Reis, non deixa de chamar a atención algún que outro detalle que, ao mellor, pagaba a pena considerar con máis calma.


O primeiro é que choveu, pero non foi que non chovera así antes, ou que non se soubera que ía chover así, ou que neste pais non esteamos afeitos a ver correr auga. O que ninguén explica moi ben é que medidas se tomaron concretamente, a parte de sacar de patrulla á protección civil.

O segundo é que, pólo que se intúe, os asolagamentos parece que tiveron mais que ver con cómo, onde e canto se constrúe con ou sen licenza, con ou sen PXOUM, que co natural discorrer dos ríos e as fontes do pais.

O terceiro é que semella que, a fin de contas, a auga o que fixo foi buscar o seu sitio por onde lle deixan os ríos de asfalto que converten a Galicia no pais das mil circunvalacións e variantes que acaban transformándose en diques e balados.

En fin. Non sei. Doutores ten a Xunta.

1 comentario:

  1. Estou de acordo, pero con respeto ao de construir hai que ter en conta que non en todos os sitios goberna a dereita, nalgúns, ben escandalosos por certo, goberna a esquerda, se é que esas dúas cousas esisten xa.

    ResponderEliminar