Seguindo as explicacións que dan o PP e o propio Luís Carrera sobre o seu despiste fiscal, a un lle queda a dúbida de si creen que son moi listos, ou pensan que os demais somos tontos, ou as dúas cousas á vez.
Sostén Carrera que “se lle pasou”. E a verdade, a calquera se lle pasarían 40 millóns ingresados nun paraíso fiscal. Éche un erro moi común no contribuínte galego medio. Non parece razoable esixirlle a ninguén que se acorde duns millóns que están tan lonxe e nas Illas Caimán, o típico sitio do que todo o mundo fala pero ninguén sabe onde está, e que ademais seguro que está moi mal comunicado.
Sostén Rueda que esto lle pode pasar a calquera partido e que cortarlle a cabeza, antes incluso de que a Ser dera a noticia, é un exemplo da rexeneración democrática que propoñen os populares e que debe ser nomealos primeiro, preguntar despois e cesalos se non queda máis remedio porque os pillaron nas patacas.
Coñecín a Luís Carrera fai dez anos nunha entrega dos premios Fernández Latorre na que compartimos mesa. Pareceume un tipo listo, bo conversador e cun apreciable sentido do humor. Cualidades que me inducen a pensar dúas cousas: un erro así resulta incomprensible nel e algunha peza nos falta para completar de todo o puzzle dunha comedia onde todo pasou demasiado rápido como para darse de conta do que pasaba realmente á esa mesma velocidade desconcertante que moven os trileiros os cubiletes no timo da boliña.
A política está chea de homes e mulleres que, sendo fichaxes "estrela" non puideron iniciar ou rematar o seu traballo. Uns/unhas por olvidos tributarios outr@s por historias varias.
ResponderEliminarO lamentable da cuestión é que a outr@s que seguen na brecha, tápaselle todo ou case todo.