9/2/09

A COMEDIA DO VOTO EMIGRANTE antonlosada.blogspot.com Entre a superproducción de espías que acompaña á feijóo9, a confusión entre triste e institucional da campaña de Touriño e o momento transgresor de ser Anxo Quintana, da precampaña sobresae a comedia que os tres interpretan co singular caso da fotocopia do carné e o voto emigrante. So o enunciado avergoña. Onde se votará axuntando unha fotocopia? En Gran Hermano, en Fama, a Bailar?. É tronchante ver ao candidato Popular pasear a súa indignación por medio mundo. Tras décadas de batallar o voto exterior alegremente, a dereita descubre que os pobres emigrantes son algo máis que mercadoría electoral. A este paso acabarán formando “manipuladores do voto anónimos” e facendo terapias de grupo para contar como corrían as sacas de papeletas por Barajas. É aínda máis tronchante ver aos socialistas converter a cuestión nun problema de dereitos. Os mesmos que xuraron mil veces instaurar o voto en furna ou mesmo crear unha rede mundial de voto electrónico –ou algo así porque á Vicepresidente se lle entende mal cando fala-, defenden con furor ó voto ao vello estilo: que corran as papeletas entre un censo de vivos e mortos. E con Touriño no cínico papel de santo varón indignado e alleo as manobras ultramarinas dos seus. É resulta desconcertante ver a Quintana repetir a vella e inútil postura do BNG: acompañar na indignación a quen se indigna porque non pode manipulalo. Esta mala comedia seguirá sen fin ate que alguén se deixe de gaitadas, denuncie esa idea preconstitucional de que ó sangue fundamenta o dereito ao sufraxio e suprima un voto que so se quere para manipulalo.
PUBLICADO EN A NOSA TERRA 5/2/09

No hay comentarios:

Publicar un comentario