6/4/09

artigo en A Nosa Terra. nº 1353 - 2 de abril do 2009

A velocidade de Feixóo Antón Losada
Aínda esta sen empezar formalmente a vindeira lexislatura e semella claro que arrincou moito mellor para o futuro goberno que para a futura oposición. Feixóo pasea por Galicia como un Mesías coa verdade revelada baixo do brazo. Repartindo cargos entre os seus mentres lle cantan as loubanzas. Investido polo dogma da infalibilidade electoral, domestica sindicatos, encandila consellos da cultura e acepta ofrendas dos empresarios. Mentres tanto, socialistas e nacionalistas realúganse na melancolía, empeñados en seguir mancándose mentres fan propósito de emenda.
No caso dos socialistas, a explosión controlada do Touriñismo vai camiño de converterse na voadura no Pachivazquizmo. Os incidentes de Vigo simbolizan ás claras o malestar dun partido débil pero resistente a aceptar que o califato dos independentes que arrodeaban o Inquilino de Montepío sexa relevado por un virreinato interposto dende Madrid. No caso dos nacionalistas, os síntomas comezan a desvelar un caso de metástase aguda, conducente de xeito indefectible a outra Asemblea onde os de sempre van decidir o que deciden sempre: deixalo todo como está e agardar a que pase o apuro e despois xa veremos.
E así mentres os Bipartitos se entreteñen en discutir se son galgos ou podengos, empaquetando coa habitual ampulosidade retórica canto son simples e descarnados intentos de manterse no machito a toda costa e non saír da ponte de mando se non é escoltado pola Garda Civil, o futuro presidente viaxa cada vez máis rápido e cada volta máis seguro, ate acadar ao fin a inalcanzable velocidade de cruceiro coa que dereita gobernou aquí nos anos de Fraga.

2 comentarios:

  1. Anónimo6.4.09

    A Nosa Terra leva 1353 números???? Eso si que é velocidade

    ResponderEliminar
  2. Gran artigo, Antón!!!

    O peor é pensar que as liortas internas nos partidos da oposición van durar moi posiblemente a lexislatura. O camiño para Feijoo, despexado a tope para asentarse. O PSdeG chegará sen candidato claro ás vindeiras eleccións, e dividido nunha loita polos sillóns máis que nunha loita de ideas e/ou nunha aposta por resolver problemas estructurais, de orientación e de chegada a tódolos puntos do país...

    Do BNG....xa nin opinar, que da algo moi parecido á risa: bandazos estratéxicos, novos socios nun ciclo á baixa, volta ás orixes, medo a desfacerse dos gardáns da esencia anticolonial e frentista...endogamia...pffff...

    Pilar Rojo xa avisa de reformalo Estatuto...oxalá me equivoque(e a experiencia recente demostra que fiarse, o mínimo)pero se as cousas van así: ó PP 12-16 anos na Xunta.

    ResponderEliminar