TRILINGUAL
antón losada
Non contento con desencadear a pantasma do “bilingüismo amable” para que percorrera Galicia, o Presidente inminente vén de desatar ó “trilingüismo cordial”. Acaso para que non se notara que as súas famosas receitas contra da crise aínda están por cociñar no libro dos orzamentos, Feijóo proclamou con énfase un dobre obxectivo : impulsar o uso do galego, o castelán e o inglés por un lado e respectar os dereitos individuais polo outro.
De entrada compre recoñecer que é un avance no discurso da dereita, de sempre instalada no convencemento de que aprender galego impedía a aprendizaxe da lingua de Amy Winehouse. Analizada en máis detalle é un choio.
Quén defendemos o dereito a vivir en galego deberíamos cambiar de táctica. Pasar da antipatía á cordialidade ben entendida, que empeza por un mesmo. É hora de tomarlle a palabra á Feijóo e camiñar xuntos pola senda da liberdade e se fai falla, da amnistía e do Estatuto de Autonomía
Nós tamén queremos respecto para os nosos dereitos individuais. O novo Presidente ten a obriga de garantir que podamos educar aos nosos fillos en galego na metade das materias, matemáticas incluídas, como sabiamente establece o Plan de Normalización de Don Manuel. Igualmente, debe de ser sensible ós dereitos de quen consideran que iso do castelán é un atraso e anhelan que aos seus fillos se lles aprenda en galego e en inglés. E mesmo garantir os dereitos de quen consideran que o futuro é o inglés e o resto é perder o tempo. Ou so teñen dereitos individuais os castelán falantes? E así ate que haxa tantas aulas e profesores como dereitos individuais.
No hay comentarios:
Publicar un comentario