18/12/10

Caderno de bitácora.. Data estelar 2010. 12. 18

Levo recibido certos avisos e mensaxes de amigos sobre as respostas provocadas polo meu apunte sobre o famoso debate lingüístico, que algúns quixeran converter nunha caza de bruxas. Repasei con interese e respecto moitas das aportacións feitas. Velaí alguns detalles máis a modo de resposta breve.

O primeiro é dárllelas grazas a todos quén me fixeron notar os erros e fallos na escrita, debidos á miña ignorancia e a certa impericia no manexo dos teclados virtuais. O que non aprende é porque non quere. Con tan bos mestres, seguro que algo acabarei mellorando.

O segundo é manifestar, por se non quedara claro, o meu total acordo e absoluto apoio ás teses que defende o documento de Monteagudo e Reixa. Porque é unha achega chea de intelixencia, pensamento estratéxico e claridade na análise e nos obxectivos que define. Algo de tanto valor nun pais onde tan verdade se fai o dito por Goethe sobre que somos todos tan limitados, que creemos sempre tér razón. Á parte, son bos amigos.

O terceiro é constatar algo observado fai tempo. Cada vez custa máis traballo distinguir algúns comentarios que se deixan en foros e espazos creados para celebrar o pluralismo nacionalista, dos comentarios deixados regularmente en foros e sitios da máis rancia ultradereita neoespañolista. O mesmo ton matonil, as mesmas descualificacións de puticlub, as mesmas acusacións inquisitoriais e o mesmo principio fundamental: quén discrepe ou é ignorante, ou é un traidor, ou é un colaboracionista, ou é un corrupto.

Non é que me moleste, nin me importe. É que me aburre soberanamente. Amor e paz, irmáns.

8 comentarios:

  1. Totalmente de acordo co apuntado! Abúrreme. Hai lingua galega para xeracións. Nin a matarán uns, nin a someterán outros, por máis que lles pese aos uns e aos outros. Parabéns polo artigo!

    ResponderEliminar
  2. Ah! Outra cousa, desta vez unha crítica, non co contido da mensaxe, senón coa forma.

    Entendo que cando un quere dicir algo dio directamente, polo tanto considero máis apropiado copiar e pegar este artigo no debate aberto en Facebook que por unha ligazón cara o propio blog. O traballo é o mesmo -copy/paste un texto ou unha ligazón- e afórraselle tempo e cartos a quen quere participar. Imaxine, p. ex. alguén que ten unha conexión lenta ou, peor, alguén que paga por datos descargados (internet móbil) que se ve na obriga de redirixirse a outra páxina para saber o que vostede di.

    Comprendo que outros non podemos copiar e pegar o seu texto. Por iso cando nos referimos ao que din esas persoas os ligamos. Pero ligarnos a nos mesmos non ten sentido pois presupónsenos autorización para copiar e pegar o que decimos noutros lugares... e farei o propio con estes comentarios.

    Saúdos!

    ResponderEliminar
  3. Anónimo18.12.10

    Antón, tes un problema. Moito te aburre todo ultimamente. Pídelle alegría aos reis, home, e deixa de dares a vara co teu aborrecemento e de faceres de primo de zumosol con Reixa e Monteagudo.

    ResponderEliminar
  4. Totalmente de acordo coa túa entrada, ao 100%, eu penso o mesmo pero non me explicaría tan ben.

    ResponderEliminar
  5. Anónimo18.12.10

    Si ho canta razón levas, como ousamos discrepar coas túas discrepancias, ben fas en dedicarnos eses respectuosos epítetos nada matonís nin de puticlú.

    ResponderEliminar
  6. Anónimo18.12.10

    Cando dis "é unha achega chea de ... pensamento estratéxico", refíreste a que a deseñaches ti?, pois xa me quedo máis tranquilo, vai fracasar, o contrario sería novidade. Iso si, ti nunca tes culpa de nada, xa sabemos que a culpa é da upg, á que por certo estou pensando en afiliarme.

    PS descoñecía que visitaras os foros da máis rancia ultradereita neoespañolista, e moito menos que dixesen o mesmo que os nacionalistas galegos. Nisto das coincidencias, algunhas sonche ben curiosas.

    ResponderEliminar
  7. Sairse das táboas da verdade tem um preço, alegro-me que cada vez mais haja quem o pague, e que os que o paguem o fagam com inteligência. Penso que nom tardaremos em que se pague a última e carísima peaxe, e estou desejando que asi seja.

    Resumindo: bem bem bem.

    ResponderEliminar