23/3/09

unha colaboración de Millán Fernández

Pachi non é Patxi Millan Fernandez
Hai responsables políticos que parecen non querer entendelas mensaxes da cidadanía activa e, ás veces, dámonos conta de que vivimos nunha Democracia a medio construír, que se atopa na preadolescencia constante, con políticos acomodaticios e instalados nunha sorte de burbulla autista. Falta cultura crítica e sobra apego polo poder. Un pensa que o republicanismo é algo que vai máis aló do mero simbolismo: carecemos pois, de suficientes activos que alcen a voz e se rebelen, e sobra sumisión, cálculo e acatamento irreflexivo. A pouca xente que puidera asomalo fuciño logo é apartada ou dada por non-ouvida pois supón un perigo desleal para as forzas do stablishment. En política os tempos son moi importantes, e os pasos a seguir soen estar marcados pola inercia exercida dende quen dispón da potestas que, como ben souberon discernir os romanos, non leva necesariamente apararellada a auctoritas. Unha cousa é a sabia prudencia, e outra o apodrecemento, a desilusión de antemán e a xordeira xeneralizada. Os medios de comunicación, en ocasións, fan o xogo a estes intereses opacos, e resulta incuestionable a súa influencia no colectivo. Dende o día seguinte ás eleccións galegas, aquel no que Touriño deu boa mostra de honradez política dimitindo de maneira irrevocable, parece que o PSdeG ten xa un candidato oficioso e prefixado ás vindeiras eleccións, que sairá do Congreso do 25-A. Dise que na Revolución dos Cravos ninguén recibiu un disparo. Non é cuestión de nomes, ou só de caras novas. A experiencia é un grado, e ninguén cabal o nega. Por eso mesmo, a experiencia democrática nos mostra que a maquillaxe, a renovación ficticia, o anquilosamento de ideas, o aillamento e o non ser permeables socialmente é preludio de fracaso electoral inefable. O liderado dun partido político que aspira a recuperalo poder para cambiala sociedade, e incluso ser maioritario, non pode construírse artificialmente. Ten que emerxer dun debate aberto e sosegado de fondo, e da confrontación de proxectos e visións para o futuro. Semella que, así como se impón a razón de Estado, na nosa partitocracia é tan recorrente a razón de Partido. Temos moito que aprender das vellas Democracias occidentais. Brown non é Blair, Kerry non é Obama, Almunia non é Zapatero. E Pachi non é Patxi.

1 comentario:

  1. Paréceme moi acertada a túa visión. Saúdo desde a Costa da Morte

    ResponderEliminar