29/7/09

a nosa terra, Nº 1369 - 23 de xullo de 2009

Loguiño de clarear como fuxaban os ventos… Mentres o Bloque segue asfixiado polo onanismo ideolóxico e organizativo e a UPG se apresta a bater o record mundial de controlalo todo para facer nada, os socialistas veñen de sisarlle ao nacionalismo a máis brillante entre as súas bandeiras: o novo Estatuto. Logo de constatar a evidencia de que isto con Quintana non pasaba, o BNG deberá reaccionar con menos susceptibilidade e máis raposaría. A fin de contas este é o seu terreo e se os outros queren xogar nel, o correcto é darlles as grazas.
De entrada, pode aproveitar a ocorrencia de Pachi de presentar a idea disparando preferentemente contra o nacionalismo, dando por rachado o acordo asinado polo bipartito e furgando na ferida co seu socio de goberno en tantas institucións. En vez de indignarse pola exclusión que se ve vir, o pragmático é aproveitar que o nacionalismo si sabe qué Estatuto quere e os socialistas non. Xa que tes proposta, que rule e que digan eles que non e se poñan cos populares a defender que somos “unha rexión histórica”.
Tamén se abre unha fenda no flanco popular. Tras o triste papel de Feixóo absténdose no financiamento logo de avisarnos de que nos ían chuchar o sangue, vai ser toda unha festa seguir as súas evolucións e cabriolas na danza estatutaria coa partitura que lle interpreten dende Génova; non digamos se o Constitucional finalmente avala o Estatut. Outra oportunidade que socialistas e nacionalistas non poden desaproveitar enganchándose inutilmente entre eles outravolta pola leiriña de votos que comparten e nunca serán de ningún.

2 comentarios:

  1. Anónimo30.7.09

    Non comparto a tua teima con Paco Rodriguez e a UPG. Ao final é o que queren os militantes desa organización. Ti mesmo penso que eres ou fuches militante e debes respetar as decisions que obteñen unha ampla maioria.

    ResponderEliminar
  2. Anónimo31.7.09

    Pois eu coido que a teima é moi sinxeliña de comprender, son a UPG e Paco Rodríguez os teimudos, os que teiman por ter sempre a razón, por levar adiante esa suposta hexemonía que disque teñen dentro do BNG. Respectar as decisións tomadas polas maiorías é unha práctica pouco estendida no BNG, mesmo as súas propias, parece que hai que cuestionalo todo argumentando con eso de "eu non o vexo" pero sin poñer alternativas enriba da mesa.

    ResponderEliminar